O Obradoiro de emprego Valmiemprega II realizou unha visita guiada chamada «De ponte a ponte», co alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar. O itinerario discorreu á beira do Río Miñor. Comezou nas inmediacións do casco urbano polas pasarelas que discorren paralelas ao río ata chegar á Ponte de Mañufe, onde se lles explicou unha introdución sobre Gondomar, a historia da Ponte de Mañufe, a parroquia de Mañufe e o curso do Río Miñor con todos os seus afluentes.
Continuou a ruta remontando o Río Miñor pola súa outra beira, onde se lles deu unha explicación sobre o bosque de ribeira, propio dos cauces fluviais, coas características da súa flora e da súa fauna. Unha vez chegado a Gondomar, fíxose unha parada para ver a xunta do Zamáns co Miñor e o Parque da Coelleira na área das Cercas.
Finalizou a ruta na Ponte das Ánimas, onde se lles explicou a importancia histórica da ponte e da antiga calzada que por alí pasaba, facéndose tamén mención á ruta de sendeirismo que actualmente pasa por aquí e leva o mesmo nome que a ponte, a coñecida como «Ruta das Ánimas».




