Sin categoría

O surafricano Van Heerden estréase co Club Ciclista Rías Baixas no Memorial Pascual Momparler

Á sexta xornada da Copa de España o Club Ciclista Rías Baixas acode cunha novidade nas súas filas. Eddie Van Heerden, corredor surafricano de 23 anos, debutará este domingo lucindo as cores da entidade que preside José Luis Chamorro no Ridley-Memorial Pascual Momparler. Esta incorporación reforza unha aliñación infestada de escaladores que atoparán o seu terreo preferido na provincia de Valencia.

Tras os éxitos cultivados a pasada tempada con Willem Smith, corredor que deu o salto á estrutura UCI World Tour do Katusha ruso, o Club Ciclista Rías Baixas volve apostar polo ciclismo surafricano. Un dos corredores máis prometedores deste país é Van Heerden. Os resultados cultivados ao comezo desta tempada no pelotón profesional así o avalan. Arrancou o ano adxudicándose a clasificación da montaña do Sharjah Tour nos Emiratos Árabes, despois asinou a sexta posición no campionato de Sudáfrica de Contrarreloxo e tres días máis tarde logrou a quinta praza no nacional surafricano de fondo na estrada.

O Circuíto de Taiwan foi a última proba que Van Heerden disputou antes de voar a Galicia. Esta semana xa traballou ás ordes do director deportivo Iván Rodríguez, que o incluíu nunha aliñación capitaneada polo cántabro David Galarreta, undécimo o pasado domingo en Torredonjimeno e décimo quinto na clasificación xeral da Copa de España. Jaume Bonnin, Jaime Guzmán, Sergio Álvarez, Ignacio Zamanillo e Adrián Escobar son os outros integrantes desta formación que competirán en Valencia.

O Ridley-Memorial Pascual Momparler terá saída e chegada en Villanueva de Castelló. Ás 09:30 darase o bandeirazo inicial aos 162 quilómetros de percorrido, un dos trazados máis duros de toda a Copa de España. Os corredores deberán superar catro portos de montaña, entre eles o Alto do Campello, de primeira categoría. Trátase dun ‘muro’ situado a metade de carreira, de só 2 quilómetros de lonxitude pero cunha pendente media do 11%. A última ascensión puntuable será a de Santa Ana, a 20 quilómetros da conclusión.