Ditaminada favorablemente a cesión do contrato do PXOM de Nigrán a “Alfonso Botana S.L.”

A Comisión de Asuntos Xerais previa ao pleno ordinario do 26 de abril ditaminou hoxe favorablemente a proposta do goberno de cesión do contrato de redacción do PXOM a “Alfonso Botana S.L.”. A cuestión contou co voto a favor do goberno e a abstención de PP, ND e UCN (O BNG deixou sobre a mesa a súa decisión, que pospón ao propio pleno). O goberno considera que esta é a única vía posible para garantir a aprobación do documento despois de que Eptisa renunciase a favor da empresa formada polo seu director Alfonso Botana e o equipo técnico tras prescindir da sección de planeamento (a nova orientación empresarial de Eptisa afectou á tramitación do PXOM en 17 concellos de Galicia). Ao pleno deste día 26 o goberno tamén levará o Orzamento de 2018 para a súa aprobación.

«Ou hai unha cesión ou cae nun precipicio inasumible tras 25 anos de tramitación e seis corporacións diferentes. Nigrán non pode agardar máis. Como goberno actuamos consecuentemente polo ben da veciñanza e pedimos a mesma responsabilidade ao resto da corporación», sinala o rexedor. «Este cambio de empresa pero non de equipo técnico garante que se siga a desenvolver segundo os prazos previstos e sen incidencias. Estamos a falar de que coa cesión pode estar aprobado nun ano ou de volver ao inicio de todo e cunha incerteza absoluta», subliña González, quen recorda que o plan se atopa nunha fase moi avanzada, con 1.397 alegacións xa resoltas provisionalmente e que poderán ser consultadas polos veciños dende este venres como proba de absoluta transparencia e para, ao mesmo tempo, facelos partícipes do estado avanzado en que se atopa a tramitación.

O departamento de Urbanismo atenderá dende este venres 20 de abril (de 9:00 a 14:00 horas) e ata cando sexa preciso, a tódolos interesados en recibir información de mans dos técnicos municipais do estado das súas alegacións (á espera dos informes sectoriais que restan, trátase de contestacións provisionais, non definitivas). «Todo coa máxima cautela, xa que a resposta queda pendente dunha ratificación final», insiste Diego García, edil de Urbanismo. Por protección de datos, o único requisito é acudir debidamente identificado co DNI para a consulta da correspondente alegación.

«A aprobación do PXOM é unha prioridade, levamos todo este mandato traballando arreo goberno e técnicos para que sexa unha realidade porque é un asunto clave para o futuro do municipio. Ante todo buscamos transparencia, consenso absoluto e participación, por iso queremos informar de primeira man aos veciños”, insiste González.