Moisés López imparte unha conferencia sobre saúde e exercicio en Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O vindeiro venres, día 20, o Auditorio da Casa da Navegación de Baiona acollerá ás 19:30 horas unha conferencia sobre “Saúde e exercicio, traballar desde a prevención”, a cargo de Moisés López, enfermeiro e fisioterapeuta. López desempeña a súa profesión como ATS interno no Hospital Clínico de Santiago e cursa fisioterapia no Hospital San Rafael en Madrid. A súa dilatada experiencia profesional en Hospitais e Clínicas entre Galicia e Madrid, e o seu exercicio como Fisioterapeuta do Equipo de Balonmán do Atlético de Madrid, fan del un profesional “apaixonado do corpo humano” do que coñece todas as súas especificidades. Durante a súa intervención, fará un repaso das técnicas máis coidadosas co noso corpo á hora de realizar exercicio e da súa repercusión desde o punto de vista da saúde.

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, segue apostando pola divulgación científica que contribúe a dar pautas de prevención no ámbito da saúde e o benestar. Trátase do III Ciclo de Conferencias sobre Benestar e Saúde, no que se enmarca a actividade do venres, no que, durante 6 meses, 6 profesionais de diferentes disciplinas da saúde achegarán e compartirán coñecementos acerca de estratexias e recomendacións que contribúan a mellorar o noso benestar.

Dirixidas a toda a poboación, e especialmente ao colectivo de persoas adultas, as conferencias xestiónanse cun obxectivo claro, contribuír a unha educación para a saúde que oriente ás persoas asistentes para alcanzar unha vida máis saudable a través de contidos e pautas de acción.

Anuncios