Cidadáns Val Miñor reúnese coa Asociación de veciños A Camoesa

Representantes da formación Cidadáns Val Miñor reuníronse coa Asociación de Veciños da Camoesa para coñecer as actividades que desenvolven e as problemáticas que teñen.

Fabiola Cabalier, coordinadora de Cs no Val Miñor puido coñecer de primeira man as queixas veciñais desta Asociación respecto de temas como a presenza de postes eléctricos no medio da rúa de San Roque “perigosos para a circulación, afeando ademais a estética do barrio”, a demanda de reestruturación das zonas para poder mellorar os barrios, ou a queixa sobre as escasas liñas de autobús que comunican Camos e Nigrán con outras zonas relevantes da comarca (hospitais, universidade, centro de Vigo…).

No encontro, “alertáronnos ademais de problemas coa rede de sumidoiros en certos barrios, da necesidade de habilitar un paseo polo río Miñor para pasear, a problemática que supón a falta de regulación da actividade de motocrós polo monte e polos barrios ou os problemas coa velocidade da internet na zona”, sinalou a coordinadora de Cs.

Todo eles, temas dos que desde Cidadáns tomaron boa nota para poder ser trasladados ao Concello e axudar así a unha mellora dos servizos para os veciños.