Anuncios
Ticker de novas

A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ondada na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro a partir do martes en todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir do mediodía do martes 17, haberá mar combinada do Oeste e Noroeste, con ondas de 5 a 6 metros no litoral da Coruña. A primeiras horas da tarde a alerta laranxa activarase tamén na costa de Pontevedra e, xa na madrugada do día 18, chegará tamén á Mariña lucense.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como, diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

Aconséllase, ademais consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios