O atropelo dunha moto a dous peóns deixa tres persoas feridas en Nigrán

FOTO: POLICÍA LOCAL DE NIGRÁN // Os servizos de emerxencias no lugar do atropelo.

Tres persoas resultaron feridas esta mañá en Nigrán tras o atropelo dunha moto a dous peóns. O accidente produciuse sobre as 10:30 horas cando dúas mulleres de avanzada idade veciñas da localidade cruzaban nun paso de peóns da Rúa das Pontes, fronte ao supermercado Mercadona situado no Polígono Empresarial de Porto do Molle.

Nese momento, un ciclomotor pilotado por un home de mediana idade arroiounas en metade do paso, resultando con posibles feridas de consideración, así como unha das viandantes. Un particular chamou ao 112 Galicia para alertar do suceso, desde onde se pasou aviso ás 061-Urxencias Sanitarias, GES de Val Miñor, Policía Local e a Protección Civil de Nigrán.

Tras ser atendidos en primeira instancia polos servizos sanitarios, os tres feridos foron trasladados a diferentes hospitais da cidade de Vigo. Unha vez levada a cabo a evacuación, restableceuse a circulación ao tráfico, ao non afectarse elementos da vía.