
Desde a noite do pasado venres 13 de abril, en que unha superespecial urbana marcaba o inicio da proba, comezaba en Noia a segunda proba do Campionato Galego de Rallies, que lembremos iniciouse semanas antes no Rally da Coruña, onde Alberto Meira lograba a cuarta posición. O piloto de Gondomar acudía a esta segunda proba con ánimo de non fallar e ante todo sumar puntos, nunha proba onde consideraba que “o tipo de tramos e de asfalto é, a priori, máis favorable a outro tipo de vehículo que ao noso, de tal forma que a nosa formulación era desde un primeiro momento o saír a un ritmo seguro, sen cometer fallos pero á expectativa do que puidesen facer os nosos rivais”.
Iso non impedía a Meira e o seu copiloto José Murado a despregar todas as súas habilidades, para entrar desde un primeiro momento na loita polos primeiros postos, perseguindo a Iago Caamaño e Víctor Senra, que se situaron por diante ao comezo da carreira. A sección de tarde resultaría decisiva, pois en palabras do propio Meira “a choiva sorprendeunos con pneumáticos de seco, que aínda que funcionaron relativamente ben, non eran desde logo o óptimo nesas condicións, e por tanto quedamos totalmente distanciados do dúo de cabeza, aos que hai que felicitar polo moito que correron. De aí en diante decidimos asegurar a terceira praza e seguir sumando puntos, que de aquí a final de ano poden ser moi importantes. Agora queda esperar a citas máis favorables, e de feito a próxima fainos moi ilusión, por tratarse do Rally Rías Baixas onde correremos ante a nosa xente, e do que teño excelentes recordos”.
CLASIFICACIÓN 34º RALLY NOIA
POS | PILOTO-COPILOTO | VEHÍCULO | TEMPO |
1º | Caamaño-Rodríguez | Ford Fiesta R5 | 58:58,0 |
2º | Senra-Vázquez | Ford Fiesta R5 | 1:00:06,8 |
3º | Meira-Murado | Mitsubishi Lancer Evo X | 1:01:32,7 |
4º | González-Piris | Skoda Fabia S2000 | 1:03:00,3 |
5º | Costa-Vilaça | Citroën DS3 R5 | 1:03:05,7 |
(Hasta 100 clasificados)
ASÍ VAI O CAMPIONATO GALEGO
POS | PILOTO | VEHÍCULO | PUNTOS |
1º | Iago Caamaño | Ford Fiesta R5 | 441 |
2º | Víctor Senra | Ford Fiesta R5 | 335 |
3º | Alberto Meira | Mitsubishi Lancer Evo X | 317 |
4º | Iván Ares | Hyundai i20 R5 | 245 |
(Clasificación non oficial, pendente confirmación FGA)