Desirée Vila conta o antes, o durante e o despois do seu accidente nun libro

O próximo 5 de xuño sairá á venda o libro “Lo único incurable son las ganas de vivir” (Ediciónes Temas de Hoy), da gondomareña Desirée Vila Bargiela, un testemuño de forza de vontade e valor para superar os maiores obstáculos e mirar o futuro con optimismo, que xa se pode reservar.

Desirée Vila Bargiela. 16 anos. Ximnasta de elite cunha prometedora carreira por diante. Moitas horas de duro adestramento nun centro de alto rendemento. Estudante con pouco tempo para saír a divertirse. Unha mala caída tras un adestramento e unha neglixencia médica cambiarán a súa vida para sempre: unha perna amputada e moitas ilusións truncadas.

E con todo, Desirée atopou a forza interior e o valor para refacer a súa vida con tantas ganas como antes do accidente. Novas ilusións, novos obxectivos e novos retos. Neste libro conta o antes, o durante e o despois do seu accidente dun modo directo, cheo de forza e de mensaxes sobre como superou o seu drama que poden axudarnos a todos a superar os pequenos e grandes obstáculos que a vida pon no noso camiño.