Anuncios
Ticker de novas

Nigrán recoñece o labor de veciños, empresas e entidades do municipio

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Foto de familia dos premiados.

O Auditorio Municipal de Nigrán acolleu este sábado a gala dos “VII Premios Nigrán”, promovidos dende o Concello para recoñecer publicamente o labor de veciños, empresas ou entidades señeiras no municipio. Así, nesta sétima edición foron homenaxeados no ámbito cultural a Coral Stella Maris do CRC O Torreiro de Priegue; no educativo o CEE de Panxón; no empresarial Talleres Josmar; no deportivo o Club Baloncesto Nigrán; e no social os veciños de Camos e Chandebrito.

A gala foi conducida polo propio alcalde, Juan González, e a actriz Cristina Maró ante a presenza de veciños, membros da corporación e representantes de diferentes entidades. Como é habitual, a música en directo formou unha parte importante do evento actuando nesta ocasión o acordeonista de Priegue Roberto Comesaña, gañador dun Grammy no 2016 xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Davide Salvado polo tema “Cabaliño”. Ademais, como tamén é habitual, se proxectaron diferentes vídeos relativos á historia de cada galardoado.

“Este acto é un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados. Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a poñer en valor o municipio, facendo del un lugar dinámico, inclusivo e solidario e do que sentírmonos orgullosos, por iso, coma os dos anos anteriores, todos se merecen este galardón”, indicou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen entregou o diploma a cada un dos homenaxeados e a peza conmemorativa (deseñada ex-profeso no 2016 polo artista Juan Coruxo e que este ano ten un acabado flameado en alusión aos incendios de outubro).

OS PREMIADOS

Cultural: Coral Stella Maris

A Coral Stella Maris foi fundada en 1978 como coro parroquial por Fernando Salgueiro García, sendo relevado 30 anos despois pola súa filla María Esther. Xa en 1993 tomou as rendas a actual directora, María Dolores Presas, neta do fundador e quen a rebautizou co nome actual. A Coral Stella Maris domina o xénero litúrxico e combina diferentes estilos, desde o rock ata salsa ou ópera. Destaca tamén o feito de que vai acompañada de diferentes instrumentos musicais: gaitas, acordeón, teclado, grupo de cordas… Actualmente son un referente da música coral na comarca, sobresaíndo pola súa numerosa participación en eventos, intercambios ou organización de concertos-homenaxe como o realizado a Pablo Milanés este verán en Praia América e no que participou o propio cantautor cubano.

Educativo: CEE Panxón

O Centro de Educación Especial de Panxón traballa con alumnado que padece trastornos graves de conduta. Foi fundado no 2008 e é un dos dous únicos centros deste tipo en toda Galicia, polo que recibe estudantes de toda a comunidade que está en réxime de internado de luns a venres. Conta con 20 prazas, todas cubertas actualmente (10 de Educación Primaria e 10 de Educación Secundaria Obrigatoria). Dende hai uns cinco anos traballan exclusivamente por proxectos, sen libros de texto, con metodoloxías activas e participativas que fomentan o pensamento crítico, a creatividade, as habilidades sociais, as capacidades lingüísticas, o razoamento matemático e o método científico. O profesorado, ademais de formarse continuamente, deseña a súa estratexia a través do Plan de Formación Permanente del Profesorado coa asesoría do Centro de Formación e Recursos de Vigo. No ano 2017 ese plan foi premiado pola súa acción para que os alumnos puxeran en marcha e xestionaran integramente un restaurante que abriu ao público e chegou a atender a un total de 350 comensais.

Empresarial: Grupo Josmar

O Grupo Josmar inicia a súa andaina no ano 1976 da man de José Luis Martínez Costas como empresa dedicada exclusivamente á construción e reparación de maquinaria procesadora de peixe. Actualmente ten unha actividade diversificada e vinculada sempre á pesca destacando pola súa aposta constante pola innovación e a calidade. Ubicada a súa sede na rúa San Roque de Camos, tras 40 anos de existencia constitúe unha empresa internacional con sede tamén en Arxentina ou Namibia.

Deportivo: Club Baloncesto Nigrán

O Club Baloncesto Nigrán naceu hai 30 anos coa intención de fomentar este deporte nun municipio que naquel momento carecía de equipo pero si contaba con moitos afeccionados que querían xogar ao basket. Dende a súa orixe apostou polo deporte de carácter amateur sen discriminación de sexo dando sempre cabida a nenos e nenas en equipos con categorías masculinas e femininas. A súa filosofía de cooperación e boa relación con diferentes clubs se mantivo sempre presente. Tralos seus primeiros 16 anos houbo un parón ata que se retomou en 2014. Naquel momento un grupo de persoas vencelladas ao baloncesto puxo de novo en marcha o proxecto co obxectivo de que os máis pequenos acadasen non só as súas metas deportivas, se non a educación en valores, a integración con outras entidades e institucións e a participación activa no día a día de Nigrán e destacando pola súa gran implicación na organización de torneos solidarios. Actualmente conta con nove equipos dende baby ata senior e múltiples logros deportivos nas diversas categorías.

Social: veciños de Camos e Chandebrito

O Concello de Nigrán recoñece co Premio ao Mérito Social á veciñanza de Camos e Chandebrito pola súa loita na terrible vaga de lumes do 15 de outubro que se cobrou dúas vidas en Chandebrito e milleiros de hectáreas calcinadas. Os veciños non dubidaron en saír á rúa para sufocar as chamas e, sen dúbida, e ante a falla de medios de extinción externos, o seu traballo evitou que Nigrán vivise unha traxedia humana e medioambiental aínda maior. Con este premio quérese recoñecer o coraxe, espírito solidario e compromiso inquebrantable da veciñanza coa súa contorna, feito do que sentírmonos todos orgullosos e que forma parte da identidade do noso pobo.

Anuncios