“O goberno municipal do PSOE é o menos transparente e cumpridor da historia de Nigrán”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O Grupo Municipal do PP de Nigrán afirma que o alcalde mente cando di que a falta dun orzamento aprobado para o exercicio 2018 puidese poñer en perigo a cobertura económica do Convenio Laboral do GES do Val Miñor.

Segundo os populares, nos últimos anos a partida orzamentaria inicial a achegar á Mancomunidade do Val Miñor viuse incrementada sucesivamente a través de modificacións de crédito aprobadas polos sucesivos alcaldes, segundo as necesidades do ente supramunicipal.

No ano 2017 realizáronse máis de 40 transferencias de crédito entre partidas do orzamento, a maioría delas decididas e rubricadas polo alcalde. A execución do orzamento no ano 2017 foi do 55%. Sobre uns créditos totais finais dispoñibles de 18.135.919 euros, as obrigacións recoñecidas ao final do exercicio foron de 9.976.343 euros.

“O anterior non reflicte máis que a marxe económica actual do Concello é moi ampla. A través de modificacións de crédito do alcalde e/ou daquelas que o Pleno aprobe como compromiso maioritario dos veciños de Nigrán, non faltará neste exercicio nunca financiamento”, afirman desde o PP.

Para os populares, “o que non pode nin debe facer o alcalde é non cumprir os acordos do pleno (lembrar que o PSOE goberna en minoría, e que por tanto a oposición representa lexitimamente á maioría dos veciños de Nigrán). Neste mandato van alá máis de 10 acordos plenarios que non cumpriu, a maioría deles ademais contando co voto favorable do seu grupo”.

“Tampouco debe incumprir os compromisos de transparencia e participación dos que facía gala ao comezo do mandato. Ía convocar ao Consello Sectorial de Urbanismo para informarlles polo menos trimestralmente. Pregúntelle cantas veces convocouno no actual mandato. Ía reunirse periodicamente cos portavoces da oposición. As reunións foron practicamente inexistentes. Ía informar aos grupos municipais da evolución da Redacción da Relación de Postos de Traballo. Estamos aínda esperando por iso. Ía informarnos da situación da cesión da redacción do PXOM. Estamos a esperar por iso. Ía informarnos da proposta da reordenación do Servizo de Recollida de Residuos e Limpeza en Nigrán. Estamos a esperar por iso. Ía informarnos da solución que lle daba ao aparcadoiro pechado na Ramallosa e ao estado da concesionaria da Cafetería Á Praia. Estamos a esperar por iso”.

Finalmente, o PP lembra que as persoas se recoñecen polos seus feitos e non polas súas palabras e/ou promesas incumpridas. “Ten 1 ano para modelar a súa forma de facer política. Se non a cambia e os proxectos non van adiante, non será culpa da oposición, senón da súa forma de facer política. O que desde a oposición, ou polo menos desde o noso grupo, non estamos dispostos a facer, é a actuar como as súas marionetas, que nos teñamos que mover sometidos á súa antollo e chantaxe política”, conclúen.