Castro e Ladeira lamenta que o Concello non conte cos veciños na reforma do Mercado

FOTO: CASTRO E LADEIRA // Mercado de Sabarís.

O Concello de Baiona vén de anunciar que investirá máis de 600.000 euros dos 1.300.000 do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra na remodelación e reforma do Mercado de Sabarís, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, para transformalo nun centro multiusos de carácter cultural para crear un lugar de encontro polivalente e de lecer para todos.

Trátase dun proxecto demandado desde hai cinco anos pola Asociación de Veciños Castro e Ladeira, xa que ata o de agora é a única parroquia de Baiona sen un Centro Social. Baíña, Baredo e Belesar contan con estas instalacións sociais executadas polas súas comunidades de montes. Para o alcalde, Ángel Rodal, cúmprese así un dos compromisos que adquiriu cando accedeu á alcaldía, xa que este proxecto figuraba entre as súas aspiracións e verao materializado en breve.

Sen embargo, desde Castro e Ladeira lamentan que o Concello de Baiona non conte cos veciños. O colectivo presentou anteproxecto de rehabilitación do antigo Mercado de Sabarís para tal fin. “En decembro, o alcalde, na quenda de visitas comenta aos veciños que estaban buscando subvencións, e en febreiro, xa na rúa, veciños doutras parroquias próximas nos comentan que se ía obrar no Mercado”, comenta Martín Otero.

O presidente da Asociación de Veciños lamenta que non se conte coa súa opinión e participación, “posto que presentamos o anteproxecto, decenas de xuntanzas co alcalde, etc., isto demostra que o goberno actual non conta cos veciños e non proporciona información ningunha”.

“O que queremos é o centro cultural xa, seguimos ilusionados con acadalo, non queremos máis enganos, aínda que non conten con nós, seguimos a disposición do Concello”, conclúe Otero.

Anuncios