David Galarreta estará á fronte do Club Ciclista Rías Baixas este domingo na Clásica Cidade de Torredonjimeno, quinta proba puntuable da Copa de España Elite e Sub23. En terras xienenses a estrutura presidida por José Luis Chamorro buscará ratificar as boas sensacións que transmitiu o pasado domingo no Memorial Valenciaga. Contaba cunha ampla representación no grupo cabeceiro cando a carreira tívose que suspender por unha caída múltiple a falta de 32 quilómetros.
O director deportivo Iván Rodríguez dará continuidade ao bloque que disputou a última xornada do certame estatal e só introduce unha variación na aliñación: Jaime Guzmán entra por Adrián Escobar. Cristian Cuervo, Jaume Bonnin, Antonio Barbero, Ignacio Zamanillo e Sergio Álvarez completan o ‘sete’ miñorán que estará liderado por Galarreta. O cántabro é o mellor clasificado do equipo na xeral da Copa de España, ocupando a decimonovena posición.
O percorrido desta clásica caracterízase pola súa dureza. Os repechos sucédense ao longo dos seus 174 quilómetros e nos últimos 50 atópanse os dous portos puntuables da xornada. Primeiro, o alto de Locubín, de primeira categoría no km 121, e a continuación o porto de Valdepeñas, de segunda categoría no km 134. O bandeirazo inicial está fixado para as 09:10 horas.
A de Torredonjimeno é unha cita especial para o Club Ciclista Rías Baixas. A carreira que este ano celebra a súa 34ª edición está promovida por Manuel Moreno, presidente da Copa de España e unha das personalidades do mundo do ciclismo que maior confianza demostrou desde hai anos no ambicioso proxecto impulsado por José Luis Chamorro. O conxunto do Val Miñor sente como na casa cando se despraza ata a provincia de Xaén para participar nunha proba que sempre ofrece unha impecable organización.

