Alumnado do IES Escolas Proval participa na Feira Matemática de Agapema

FOTO: IES ESCOLAS PROVAL // Os alumnos na Feira Matemática.

O sábado 7 de abril, un grupo de alumnas e alumnos do IES Escolas Proval de Nigrán desprazouse ata A Coruña para participar na duodécima edición da Feira Matemática organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Agapema).

Laura, Andrea, Nahir, Nerea, Diego e Jairo, de 2º de ESO, propuxeron aos visitantes obter o número Pi medindo obxectos da vida cotiá con cintas métricas, regras e calibres.

Por outra banda, Clara e Laura, de 4º de ESO, amosaron varios traballos de investigación realizados co programa GeoGebra, nos que usaron diferentes métodos para obter o número Pi. Dende o método xeométrico de Arquímides ata métodos máis complexos como probabilísticos e analíticos.