O IEM organiza a XV Xeira Alén Miñor ao Monte Seixo en Cercedo

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza o próximo sábado 5 de maio a XV Xeira Alén Miñor ao Monte Seixo en Cercedo, guiada por Carlos Solla Varela (profesor, escritor, membro do colectivo Capitán Gosende). A saída do autocar será ás 8:00 da mañá desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar, con regreso previsto ao mesmo lugar ás 21:00 horas.

Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM aos teléfonos 986 360 575 ou 627 276 816, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a aoficina@iem.gal. O prezo é de 40 euros para os socios e de 45 euros para os non socios, incluíndo a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar e o guía. Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164.

A Xeira percorrerá o Monte do Seixo, mítico cimeiro da Terra de Montes, biqueira da Serra do Cando. Cos seus picoutos, encostas e bosques, con vistas marabillosas (cando o vento norte limpa de nubes o horizonte) á Ría de Pontevedra, os concellos veciños de A Lama, Beariz e Forcarei.

Unha serra parcialmente esnaquizada por un parque eólico no ano 2000, pero que aínda conserva unha forte pegada etnográfica, con moitísimas lendas e referencias prehistóricas, castrexas e de sabedoría tradicional. Esta montaña máxica que para os devanceiros era un medio de comunicación coas deidades celestes atesoura un abraiante patrimonio material, natural e inmaterial: túmulos, vereas, marcos, pedrafitas, milladoiros, foxos, neveiros, afloramentos graníticos de caprichosa feitura. A natureza exprésase nas mandas de garranos e de vacas que campan pola serra tendo conta das súas vidas cando o lobo llo permite. O vento mareiro deloura cornos e crinas nos piricotos orientados cara ó mar.

O itinerario comezará camiñando dende a necrópole neolítica da Chan de Mamas ata Portalén-Marco do Vento (5 Km. ida e volta). De camiño darán razón das Lagoas de Xestido, Outeiro da Cama e Laxa Mosqueira (pedras referidas da fertilidade), do Almadraque de Pirocha (representación da Moura-Deusa Nai), da Trampa do lobo, da Cruz do Seixo (Ara Solis), Marco do Vento (marco de deslinde de unidades territoriais locais) e, por suposto, visitaremos e gozaremos dun lugar que non deixará indiferentes aos participantes: Portalén (a porta doutro mundo, oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós…), lugar inveterado de culto e ritualidade.

En Castro Grande avanzarán até as Pedras Ghiadas (aliñamento lítico), a Mámoa de Xestido e a Lagoa do Medio. Neste itinerario o guía falará das innumerables lendas e tradicións como a do rato Rabisaco, a Besta branca, a Moura de loiros cabelos, a Galiña dos pitos douro etc.

Pola tarde visitarán o barrio de Pedre co seu conxunto de hórreos, a Ponte Medieval de Santo Estevo de Pedre que salva o Lérez e a aldea vella de Vichocuntín, descuberta hai poucos anos. Componse de media ducia de vivendas cuxa feitura, dimensións, materiais e anexos falan dunha, noutrora, puxante comunidade agropecuaria. Destacan un muíño roulón e un pombal, e un hórreo de catro esteos pousados no valo da congostra, sinal de propiedade do terreo no que asenta.