O CEIP Carlos Casares de Nigrán conta dende hoxe cos seus propios selos de Correos

O CEIP Carlos Casares de Nigrán conta dende hoxe cos seus propios selos de Correos en edición limitada e de curso legal. O centro educativo de Vilariño solicitou hai tres anos á Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) participar na campaña escolar “El mundo de los sellos” que celebraron esta semana. Así, de xeito complementario, Correos emitiu catro selos conmemorativos referentes ao centro e que foron presentados hoxe na escola coa presenza do alcalde de Nigrán, Juan González; o responsable de reparto do Val Miñor, Francisco José Valverde García; e Juan Carlos Blanco Calvo, Monitor Nacional de FESOFI.

A imaxe coa que o centro festexou o “Ano Casares”, unha foto de Nigrán na que se ve o Templo Votivo de Panxón cunha galiña azul do conto de Carlos Casares no céspede, un debuxo realizado por Manuela González González (estudante de 6 de Primaria que gañou o concurso feito entre o alumnado) e outro no que aparece o nome do centro e un corazón conforman os catro selos emitidos e que todos os alumnos levaron hoxe para a súa casa pegados nun sobre e franqueados. A maiores, foron entregados 25 de cada ao centro educativo e Manuela González disporá, como galardón, de 45 exemplares do seu propio selo.

Patrocinado por Correos y Telégrafos, “El mundo de los sellos” permitiu achegar ao colexio unha ampla exposición filatélica presentada por un monitor de Fesofi ou que os escolares participasen durante esta semana en diferentes obradoiros filatélicos.

«É un orgullo para o noso Concello que un dos nosos centros educativos conte con selos conmemorativos de curso legal que, agardamos, se espallen polo mundo e sexan obxecto de colección», sinala Juan González, alcalde de Nigrán.