Oito praias do Val Miñor aspiran a conseguir a Bandeira Azul

FOTO: PEPE COSTAS // Praia de Panxón.

Nas próximas semanas a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) dará a coñecer a listaxe definitiva de praias e portos galardoados coa Bandeira Azul en 2018, ademais das distincións temáticas en materia de salvamento e socorrismo, accesibilidade e comunicación e educación ambiental, e os Centros e Sendeiros Azuis.

No que se refire aos areais, a comarca do Val Miñor aspira a conseguir un total de 8 Bandeiras. O Concello de Baiona solicitou este ano por primeira vez que cinco das súas seis praias conten coa distinción (Santa Marta, A Ribeira, A Concheira, A Barbeira e Os Frades). En Nigrán esperan obter o mesmo número de recoñecementos que en 2017 (Praia América, Panxón e Patos).

Os criterios para obter a Bandeira Azul agrúpanse en catro áreas: calidade das augas de baño, información e educación ambiental, xestión ambiental e seguridade, servizos e instalacións.

No 2017, a comarca do Val Miñor aumentou a cifra de distintivos de ADEAC dos 8 do 2016 aos 11, con 9 Bandeiras Azuis, 7 para praias e 2 para Portos Deportivos, e 2 Sendeiros Azuis.

Así, en Baiona ondearon a bandeira os areais de Os Frades, A Barbeira, A Concheira e A Ribeira. O Monte Real Club de Yates repetiu un ano máis e o Porto Deportivo Baiona recuperou o galardón. A última distinción da localidade foi para o Sendeiro Litoral de Baiona. Perdeu o recoñecemento a Praia da Ladeira.

En Nigrán, ademais das Bandeiras Azuis de Panxón, Praia América e Patos, tamén foi recoñecido o Sendeiro Litoral do Ecosistema Dunar de Praia América-Panxón.