Anuncios
Ticker de novas

Deteñen infraganti ao autor de varios roubos na igrexa e na casa reitoral de San Pedro da Ramallosa

FOTO: GARDA CIVIL // O ventanuco situado sobre a porta polo que accedía o mozo.

A Garda Civil detivo onte infraganti ao presunto autor de varios roubos cometidos durante os dous últimos meses na casa reitoral e na igrexa parroquial de San Pedro da Ramallosa, no municipio de Nigrán. Trátase dun veciño da mesma localidade que conta cun amplo historial delituoso.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da sucesión de roubos que se produciron durante os dous últimos meses, tanto na igrexa como na casa reitoral da parroquia de San Pedro da Ramallosa.

O primeiro dos feitos coñecido prodúcese a principios do mes de marzo cando o párroco nota a falta dun sobre con 500 euros, que gardaba nunha das estancias da casa reitoral dedicada á xestión de Cáritas. Apenas quince días despois volve notar a falta doutro sobre con 50 euros. Sospeitando que alguén puidese dispoñer das chaves, cambiáronse as fechaduras das portas de acceso.

Pasados uns días, o primeiro fin de semana deste mes, volven entrar na reitoral e levan un computador portátil e a recadación de Cáritas. Ao mesmo tempo aparece forzada a caixa forte da igrexa, sen que conseguisen abrila.

Ao día seguinte, o párroco comunica que volveran a entrar na reitoral e na igrexa e a pesar de que nesta ocasión non levaron nada debido a que, por unha banda, quitara todos os obxectos de valor da casa e, por outro, deixara aberta a caixa forte na igrexa sen nada no seu interior, si se puido precisar que na zona de Cáritas tentaran forzar un arcón que gardaba unha cruz parroquial e varios aveños da igrexa.

As investigacións que viñan realizando en torno ao principal sospeitoso de todos estes roubos, concluíron a madrugada do día de onte cando foi sorprendido infraganti polo operativo que tiña establecido a Garda Civil no interior da casa reitoral, xusto no momento no que estaba a tentar forzar o mesmo arcón que non conseguira abrir o día anterior.

Por mor da súa detención púidose comprobar que entraba na casa reitoral a través dun ventanuco situado sobre unha porta na parte posterior do inmoble, que o extraía para entrar e volvíao a colocar cando saía. No momento do arresto levaba luvas e atopáronse no seu poder as chaves da igrexa que subtraera na casa reitoral.

Este mozo, A.C.R., de 20 anos de idade, veciño do municipio de Nigrán, conta cun amplo historial de antecedentes policiais, entre eles a detención como suposto autor de máis dunha trintena de roubos en vehículos, o mes de novembro do pasado ano.

O detido, acusado da presunta comisión de, polo menos, sete roubos, pasará esta mañá a disposición do Xulgado de Instrución de garda dos de Vigo.

Anuncios