Valmiemprega achega o patrimonio do Val Miñor aos escolares de Camos

Os alumnos da especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante” do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, promovido polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, impartiron o día de hoxe unha serie de charlas didácticas aos alumnos dos cursos dende 1º ata 6º de educación primaria do CEIP Cruz de Camos.

As charlas realizáronse en 3 grupos, para 6 e 7 anos, 8 e 9, e finalmente o grupo de 10 e 11 anos. Entre 6 e 9 anos a actividade consistiu nunha pequena charla sobre os recursos do Val Miñor, tanto do patrimonio histórico-artístico como natural, festas, e actividades recreativo-deportivas. Finalmente remataron con xogos didácticos que consisten en realización de puzzles con fotos dos recursos, xogos de parellas e localización en mapa dalgúns dos elementos máis característicos do Val Miñor. Os nenos maiores recibiron a charla titulada “Os segredos do Val Miñor”, centrada nos recursos do patrimonio histórico-artístico, que remata cunha serie de preguntas para facer a actividade máis interactiva.

Tanto o claustro de profesores como os cativos amosaron gran interese, destacando os docentes a importancia deste tipo de actividades que teñen como finalidade achegar o patrimonio do Val Miñor aos escolares da comarca.