
O gondomareño Daniel Fernández logrou acabar este domingo o XIX Medio Maratón Gran Bahía “Vig-Bay”, e con el o primeiro dos tres retos que afrontará este ano para dar visibilidade á Síndrome de Usher, considerada unha enfermidade rara que afecta a unha nena nada en Nigrán, Daniela Juste, e como el di, “rara pero xamais invisible”.
Este primeiro reto consistiu en completar 7 maratóns en 7 días. Foron 294 quilómetros nunha semana. O 2 de abril comezaba o reto en Pontevedra, “onde sufrín un pouco pero xamais pensei en abandonar”, afirma Daniel. Continuou o día 3 na Guarda, onde sopraba o vento, e o 4 en Castrelos, que foi o punto de inflexión, “acabei mal fisicamente, pero a partir de aí o meu corpo cambiou o chip e deixou de sentir dor”. O día 5 tocou Praia América, o 6 Baiona, onde nin o diluvio puido con Daniel, e o 7 en Gondomar, maratón no que os quilómetros pasaban moi rápido en compañía do pai de Daniela.
O domingo 8, a meta estaba a 42 quilómetros, e tras percorrelos, Daniel púidose atopar con Daniela e a súa familia gritando na meta, onde a pequena entregoulle un debuxo no que poñía que era o número 1, pero para o mozo deportista a verdadeira número 1 e unha campioa é ela.
“Grazas Daniela por ser como es segue así, grazas á túa familia polo moito que me coidan nestes retos e sobre todo grazas a todos por interesarvos un pouquiño máis nesta enfermidade. Reta 3 pola Síndrome de Usher continúa e agora tras uns días de descanso volverei con máis ilusión e cargado de pilas para o segundo reto”, conclúe Daniel.