O Dorsia Covirán de Valencia gaña a Liga Nacional Feminina de Vela 2021

O Dorsia Covirán da Mariña Burriananova (Castelló) foi finalmente o vencedor da Liga Nacional Feminina de Vela 2021 que, tras o seu paso polo País Vasco e Mallorca, esta fin de semana celebrou en Galicia as súas últimas e definitivas probas. O circuíto nacional feminino impulsado pola Real Federación Española de Vela chegou a Baiona co equipo valenciano como favorito, tras vencer nas dúas fases iniciais, e ningunha das outras tripulacións en liza lograron arrebatarlle a vitoria final.

Tras saberse vencedora, a armadora Nuria Sánchez mostrábase moi satisfeita por conseguir o triunfo nunha tempada que foi -dixo- moi boa para o seu equipo e para a muller. “Estamos moi contentas coa gran tempada que fixemos. O equipo fixo un traballo enorme para poder chegar onde estamos, e nun ano moi importante para a muller no deporte da vela. O noso compromiso coa igualdade é seguir sendo claras embaixadoras dos valores en prol da muller e dun deporte que está cambiado, aínda quede moito camiño por andar. Grazas ao RCMASC, ao RCNP e ao MRCYB por apostar pola vela feminina e axudarnos a chegar ata aquí”.

O equipo que máis preto estivo de arrebatarlles a vitoria ás mozas do Dorsia foi o Decoexa do Real Club Náutico de San Sebastián, liderado por Olatz Muñoz. As vascas foron as vencedoras das últimas probas da liga, disputadas este domingo en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates co patrocinio de Grupo Isonor. Tras unha primeira xornada en branco a causa do vento e a néboa, este domingo as condicións meteorolóxicas foron as propicias para que o comité de regata puidese poñer en xogo as catro últimas probas da competición.

Aínda que estaba previsto celebrar unicamente tres, as boas condicións de vento (do norte-nordeste con 7 nós de media e picos de 10) e o feito de non poder competir o sábado, animaron á organización a poñer en liza unha manga máis, co que se propiciou, ademais, a entrada en xogo dun descarte. A navegación foi, en case todas as probas, bastante áxil e algúns pasos por boia moi axustados, o que favoreceu o espectáculo.

Nas catro mangas disputadas, o Decoexa asinou dous primeiros e dous segundos, e converteuse automaticamente en gañador da fase galega. En segunda posición, cuns parciais de 2-2-4-3, quedou o Cansino, de Alejandra Suárez, do Real Club Náutico de Vigo; e o AGD de Helena Alegre, do Real Club Náutico de Palma, resultou terceiro, con 3-4-7-1 nos seus marcadores.

Unha vez resolta a clasificación da última fase celebrada en Baiona e sumados os puntos á clasificación xeral da Liga Nacional, o Dorsia Covirán resultou vencedor, deixando a prata e o bronce do circuíto feminino ao AGD Desamiantados de Helena Alegre (RCN Palma) e o Decoexa de Olatz Muñoz (RCN San Sebastián) respectivamente.

O punto e final da competición chegou coa entrega de premios aos gañadores nun acto celebrado nos xardíns do Monte Real Club de Yates ao que asistiron o presidente e vicepresidente do club, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza; o director xeral de Grupo Isonor, Jorge González, patrocinador do evento; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; e o xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

A celebración da última fase da Liga Nacional Feminina de Vela no Monte Real Club de Yates enmárcase dentro o seu programa de “Vela en Feminino”, a través do cal o club busca impulsar á muller no mundo da vela. Durante todo este ano, creáronse tripulacións exclusivamente femininas, conseguiuse que o Campionato Galego de A Dous tivese un premio específico para mulleres, enviáronse equipos a participar nas competicións máis destacadas de España e puxéronse en marcha iniciativas de navegación con mulleres vítimas de violencia machista, entre outras actuacións.