A escola de baile Galicia en Danza de Baiona participou este fin de semana con 26 dos seus alumnos no 7º Trofeo de Baile Cidade de Vigo, competición que se enmarca no evento internacional de baile Vigo Porté e que se celebra no Auditorio Mar de Vigo. Máis de 1.500 participantes de 52 centros de danza diferentes bailaron máis de 235 coreografías e tentaron facerse co triunfo, repartíndose máis de 9.000 euros en premios.
A escola baionesa fíxose cun total de catro galardóns. Na categoría infantil conseguiu un segundo e un terceiro premio en Disciplina Lírica, coas coreografías “Time for Sequences” e “Connection Destination” respectivamente. Na categoría júnior levou un primeiro premio en Disciplina Lírica, coa coreografía “Tiempos de Guerra”, e un segundo premio en Disciplina Fusión coa coreografía “Jarabe Tapatío”.
O Trofeo de Baile Cidade de Vigo nace como concurso dentro do evento internacional de baile Vigo Porté celebrado no Palacio de Congresos Mar de Vigo desde o ano 2012. É unha competición de carácter aberto a todas as nacionalidades, culturas e países; así como a calquera tipo de disciplina de baile. O concurso divídese en tres categorías en función da idade: Infantil, Júnior e Absoluta. Cada categoría realízase como un acto independente dentro de evento, onde compiten en catro disciplinas: Urbana, Lírica, Folcrore e Fusión.
O obxectivo deste certame é atopar a mellor coreografía de baile tendo en conta distintos aspectos como son: posta en escena e vestiario + elección de músicas + técnica e estilo. Dá igual a modalidade de baile (moderno, latino, clásico, contemporáneo, urbano, etc.), elíxese a mellor posta en escena; a proba diso é a diversidade de modalidades seleccionadas como coreografías gañadoras na categoría absoluta de todas as edicións.
Para esta sétima edición, a organización volveu contar con figuras destacadas do mundo da danza como membros do xurado. Os xuíces especialistas por disciplina foron Mario & Cristian (disciplina urbana), Juan Polo (disciplina lírica), Arantxa Carmona (disciplina folcrore) e David Campos (disciplina fusión). E como non podía ser doutra maneira, Javier Castillo “Poty” foi o presidente do xurado. Na terceira edición, en 2014, formou parte dos membros do xurado e desde entón converteuse en figura destacada e imprescindible do evento.





