Baiona pechou o 2017 cun 12% menos de parados respecto ao ano 2016

Analizando as cifras do paro do pasado ano, desde o Concello de Baiona considéranas positivas. O 2017 pechouse con 107 parados menos que no ano 2016 (un 12% menos), o que supón o maior descenso anual desde o ano 2010. Concretamente, o 2017 pechouse con 915 parados rexistrados. En canto aos tres primeiros meses do ano de 2018 o paro na localidade tamén reflicte unha baixada significativa con respecto a 2017. Mentres que 2017, 1067 persoas comezaban o ano paradas, en 2018 fixérono 938 é dicir 129 persoas menos. En febreiro de 2017 fixérono 1023 mentres que en 2018, 942, 81 menos. Xa en marzo o saldo do ano anterior reflectiu 993 parados e en 2018, 902, o que supón 91 menos.

Aínda que as cifras reflictan estes datos desde o Concello seguirase apostando fortemente por seguir rebaixándoas ata alcanzar unha taxa mínima de desemprego no municipio.

O Concello de Baiona ten un fiel compromiso coa creación de emprego. Unha das apostas por ampliar a empregabilidade dos veciños de Baiona son os obradoiros de emprego, tanto o VI Obradoiro de Emprego Terras do Miñor sobre hostalería, como o “Valmiemprega”. O obxecto deste obradoiro é formar a traballadores desempregados durante un período de nove meses nas especialidades de atención turística e promoción ao visitante, así como en deseño de páxinas web. En ambos os dous casos as especialidades do obradoiro levan aparelladas, no caso de ser superadas, o certificado de profesionalidade da correspondente especialidade.

Nas anteriores edicións, o 80% dos participantes do obradoiro “Terras do Miñor” lograron atopar emprego, mentres que no caso de “Valmiemprega” a porcentaxe chegou ata o 60%.

Outra das apostas do consistorio baionés é a potenciación do novo viveiro de empresas situado na Casa do Reloxo, un espazo dedicado á promoción de novas empresas. Segundo o acordo subscrito entre Consorcio da Zona Franca e Concello este viveiro de empresas ten unha especial dedicación a aquelas iniciativas cuxas actividades se desenvolven en torno ao sector turístico, marítimo ou actividades lúdico-deportivas.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, declarou que “é obxectivo primordial do equipo de goberno de Baiona mellorar a calidade dun alicerce básico, como o é o emprego, dos veciños de Baiona”.