As subvencións do ARI impulsan a mellora do Casco Histórico de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Unha das vivendas rehabilitadas no Casco Histórico.

O Concello de Baiona avanza con paso firme no proxecto de rehabilitación integral do seu casco histórico, promovido ao amparo do Plan Especial do Conxunto Histórico Artístico de Baiona (PEPCHAB), que aprobado en xuño de 2011 marcou un antes e un despois na tramitación dos expedientes das edificacións incluídas no BIC (Ben de Interese Cultural).

Paralelamente á aprobación do PEPCHAB, púxose en marcha a Oficina de Rehabilitación para o trámite de subvencións da Área de Rehabilitación Integral (ARI), que pretenden mellorar a calidade de vida dos veciños, mellorando tamén as condicións de habitabilidade dos seus inmobles e contribuíndo a poñer en valor a singularidade, harmonía e beleza do conxunto histórico. Ata o 12 de abril estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse ás subvencións outorgadas na terceira fase do ARI Área de Rehabilitación Integral da vila de Baiona, que se outorga dentro do Plan Estatal de Fomento do aluguer de vivendas, rehabilitación de edificios e a rexeneración e renovación urbana.

“Durante a primeira e segunda fase das axudas do ARI se levaron a cabo máis de 25 actuacións particulares no casco histórico da Vila ao amparo destas subvencións. Animo aos propietarios para acollerse a este programa de axudas para poder continuar con todo o traballo», comentou o Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, José Ángel Bahamonde, alentando a participar nesta terceira fase.

O programa de fomento de rexeneración e renovación urbana ten como obxectivo o financiamento da realización conxunta de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, de urbanización ou reurbanización de espazos públicos e, no seu caso, de edificacións en substitución de edificios demolidos, dentro dos ámbitos de actuación previamente delimitados.

O Alcalde, Ángel Rodal, destacou que “o obxectivo do goberno municipal é acometer de forma definitiva a recuperación e tratamento uniforme do casco histórico baionés que polas súas características singulares merece unha rexeneración integral que facilite recuperar a vida social, económica, ambiental e patrimonial que mellore a calidade de vida dos seus habitantes”.

Obras

Durante os anos de desenvolvemento do ARI outorgáronse varias rehabilitacións integrais en inmobles situados na Rúa San Xoán e no Camiño do Mariñeiro, na Rúa A Guarda. Tamén se realizaron actuacións máis comúns, obras menores, por exemplo as relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética ou coa estanqueidade dos inmobles (substitución de cuberta, illamento de fachada ou restauración da mesma, mellora do acabado exterior, renovación de carpinterías exteriores ou traballos para eliminar humidades e filtracións).

Outro dos apartados para o que se solicitan axudas é para a adecuación das edificacións máis antigas ás condicións hixiénicas e de habitabilidade, así como renovación de fontanería, saneamento e calefacción.

Durante a primeira e segunda fase das axudas do ARI ademais desas actuacións realizadas por particulares o propio Concello tamén realizou varias intervencións no Casco Histórico da Vila. Rodal lembrou que en anteriores convocatorias o Concello realizou varios proxectos coa subvención xa que tamén «tentamos levar acabo a mellora das rúas da contorna». Concretamente, levouse a cabo a reurbanización da Praza do Pai Fernando e a súa conexión coa Rúa Ventura Misa ata o encontro da Rúa Lorenzo de la Carrera, dando continuidade ao proxecto realizado na Rúa Carabela La Pinta, xerando un espazo de relación e punto de encontro entre o Casco Histórico e o ensanche da zona nova mediante a recuperación de espazos libres, transformando a fisionomía dun dos puntos singulares de acceso ao Casco. Tamén se creou unha nova praza que conecta a Rúa do Reloxo cos xardíns da Casa da Navegación.

O Casco de Baiona ten un total de 36 mazás, 338 edificios e 705 vivendas.

«O plan permitiu a mellora do conxunto histórico, non só das vivendas, senón tamén das propias infraestruturas como as rúas e as prazas. Pero aínda queda por mellorar no noso casco», destacou o Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, José Ángel Bahamonde.

Como xa ocorre nas distintas convocatorias do ARI, os técnicos da Oficina ofrecen asesoramento e apoio para a tramitación das axudas.

O vínculo da Vila Mariñeira e o seu Casco Histórico é ineludible, contando desde tempos inmemoriais cunhas edificacións únicas e singulares que a fai merecedora dunha especial protección e valoración. Con esta liña de subvencións a través do ARI «contribúese a recuperar e conservar o patrimonio arquitectónico dos núcleos históricos do municipio, a mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e a favorecer a dinamización destas zonas», destacan desde o Concello de Baiona.

PRAZA DO PAI FERNANDO
FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Praza do Pai Fernando.
Anuncios