Anuncios
Ticker de novas

Alberto Meira afronta a súa segunda carreira da tempada o próximo fin de semana

No pasado mes de febreiro, Alberto Meira e o seu copiloto José Murado iniciaron a súa tempada no Campionato Galego de Rallies, en busca do que sería o seu terceiro título autonómico. A primeira cita foi na Coruña, onde Meira sumou uns valiosos puntos ao terminar en cuarta posición, e agora será en Noia onde o piloto de Vincios afrontará o seguinte episodio. O Rally de Noia, unha das citas emblemáticas do rexional de rallies, preséntase moi animado, cun itinerario bastante novo, e sobre todo unha nutrida lista de inscritos, onde se van a exceder os 150 equipos.

Meira, fiel ao seu Mitsubishi Lancer Evo X, ten como máximos rivais aos vehículos R5, que nos últimos tempos proliferan no noso rexional. A pesar de ser máis sofisticados tecnicamente, Alberto confía plenamente nas posibilidades do seu coche, así como no excelente rendemento dos pneumáticos Pirelli, cos que leva anos competindo e colaborando no seu desenvolvemento.

Meira afirma que haberá que estar moi atento ás condicións atmosféricas, á hora de elixir o pneumático adecuado. En canto aos tramos, opina que “non hai moitos cambios na parte matinal do rally: imos correr por un tramo na zona do Tambre, similar ao de anteriores edicións desta carreira, e despois repetiremos o tramo da Picota, que será idéntico ao do ano pasado. Pola tarde é cando a organización variou máis o percorrido, porque hai unha cronometrada absolutamente inédita en Serra de Outes, ademais de que regresamos a Montemuiño, un tramo que levaba algúns anos sen facerse. Esta proba é unha das que reúne máis afeccionados en todo o campionato, e gustaríame pedir a todos eles que se comporten adecuadamente, para que gocemos un gran día de carreiras.”

Anuncios