Nigrán e Baiona recibirán preto de 9.000 € para mellorar as coleccións das súas bibliotecas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitario concedeulles este ano aos concellos de Nigrán e Baiona axudas para dotar ás súas bibliotecas municipais dos títulos editoriais máis recentes en lingua galega ou para actualizar as coleccións bibliográficas. En ambas as dúas liñas de axudas, a Secretaría Xeral de Cultura investiu un total de 550.000 €. Mellorar os servizos que as bibliotecas públicas lle ofrecen á cidadanía así como impulsar o comercio do libro galego son os principais obxectivos da Consellería de Cultura e Educación con estas dúas liñas axudas, que na súa edición de 2018 se convocaron por vez primeira conxuntamente.

Nigrán recibirá unha achega de 1.750,77 € para a adquisición de novidades editoriais, con fin de que os seus usuarios e usuarias teñan ao dispor as obras máis recentes publicadas en galego no momento da súa entrada ao mercado. Por outra banda, tanto a Nigrán como a Baiona concedéuselles unha subvención de 3.609,74 € para a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido as persoas adultas), material sonoro (discos e vinilos), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deben estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e ter por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.