Indignación: esa é a palabra que define o estado de ánimo da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís co Concello de Baiona pola xestión deste da “Casa Rosa”. “Esta é a sexta vez, e non será a derradeira, que facemos unha denuncia pública polo estado da Casa Rosa”, afirman dende o colectivo.
Co fin de desbloquear esta situación, representantes da Asociación tiveron unha reunión, o pasado mes de decembro, coa Xefa de Costas. “Nun principio saímos moi satisfeitos, xa que pensamos que dende Pontevedra instarían ao Concello a mantela aberta, pero non foi así. Moitas e moi bonitas palabras e poucos feitos”, apunta Martín Otero, presidente da entidade.
O Concello é o encargado de xestionar esta propiedade cedida por Costas, pero a casa permanece pechada dende fai varios meses e “non é por falta de propostas”, apuntan dende Castro e Ladeira. “Teñen xente contratada, becarios, que poden ter alí, pero non queren, non hai ningunha vontade de abrila”.
“Nós solicitámoslle ao Concello a súa xestión. O noso local social quédanos pequeno, ademais de estar cheo de humidade. Na Casa hai ata equipamento informático, alí morto da risa. Pero nin por esas. Nin eles queren, nin deixan que os demais fagan. Estamos totalmente superados pola situación, e moi cansados, queremos solucións xa”, conclúe Martín Otero.

