
A Oficina Técnica da Seca (OTS) propuxo hoxe volver á situación de normalidade na totalidade da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa unha vez constatada a recuperación do caudal base dos ríos nos 19 sistemas que integran a conca.
Esta foi a principal conclusión da reunión da OTS, presidida polo director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e na que se analizou polo miúdo o impacto que as chuvias rexistradas nos últimos meses tiveron sobre a evolución dos recursos hídricos de Galicia-Costa, así como no resto de indicadores que xustificaron ata o momento o mantemento da situación de prealerta en todos os sistemas.
Desde o punto de vista meteorolóxico, Roberto Rodríguez explicou que as precipitacións rexistradas ao longo de febreiro e marzo foron superiores ao habitual nesta época do ano, o que permitiu encadear catro meses con choivas por riba da media. A continuidade nas precipitacións unida ao feito de que tiveran certa intensidade e persistencia no tempo, engadiu, permitiron consolidar unha tendencia de recuperación na recarga do medio hídrico que foi clave á hora de que os técnicos tomaran a determinación de volver á normalidade.
Así, as choivas rexistradas en marzo produciron o enchido das canles fluviais varias veces ao longo do mes e permitiron no conxunto da demarcación unha recuperación progresiva do caudal base dos ríos, é dicir, a cantidade de auga que reteñen cando deixa de chover. De feito, segundo os datos de Meteogalicia este foi o segundo mes de marzo máis chuvioso da serie histórica.
Na mesma liña, todos os puntos de control reflicten unha situación de melloría no mes de febreiro, acadándose xa en marzo a normalidade no conxunto da demarcación. De feito, Rodríguez engadiu que nalgúns puntos das concas do Eume, Mendo, Tambre, Ulla e Lérez incluso se rexistraron os valores medios máximos históricos do mes de marzo.
Así mesmo, os indicadores analizados por cada sistema de explotación e demarcación tamén reflicten normalidade na súa rede piezométrica, que é a que permite medir a evolución dos niveis das augas subterráneas, continuando coa tendencia de mellora progresiva detectada nos meses anteriores.
En canto ás reservas dos encoros de Galicia-Costa, os valores sitúanse xa nos niveis máximos para esta época do ano, cun 91,39% de ocupación media. Así, con carácter xeral, teñen acadado valores estables e normais para esta época, superando en 18 puntos a ocupación que presentaban en 2017 e case un 6% por riba da media dos últimos cinco anos.
O actual nivel de ocupación dos encoros explícase tamén pola situación meteorolóxica dos últimos meses, que permitiu a total recuperación das presas de abastecemento (actualmente ao 85,60% da súa capacidade) e unha importante melloría naquelas dedicadas a outros usos, como hidroeléctrico ou industrial (91,98%).
Na súa última reunión, a Oficina Técnica da Seca acordara manter en situación de prealerta aos 19 sistemas que compoñen a Demarcación Galicia-Costa polas flutuacións que estaban a experimentar os caudais dos ríos e en previsión de que as precipitacións rexistradas en febreiro terían continuidade no mes de marzo e permitirían consolidar esta tendencia.
Unha vez levantada a alerta no conxunto da demarcación, Roberto Rodríguez avanzou que, segundo as previsións que trasladou á OTS Meteogalicia e tendo en conta as chuvias caídas nesta semana e as que se agardan nos vindeiros días, abril remataría previsiblemente por riba da media en canto a precipitacións, aínda que na segunda quincena a situación tendería a normalizarse, alternando xornadas con chuvia con outras máis estables. Por iso, lembrou a importancia que teñen as precipitacións que se recollan en primavera de cara a que os acuíferos cheguen nas mellores condicións posibles para afrontar o verán.
Neste sentido, o director de Augas lembrou que “nin sequera en Galicia a auga é un recurso ilimitado” e por este motivo fixo un chamamento a que se siga a facer un uso responsable dos recursos hídricos desde todos os ámbitos “antes, durante e despois” dunha seca prolongada como esta.
Cómpre lembrar que a comunidade autónoma vén de vivir unha situación meteorolóxica excepcional, que estivo marcada por cinco estacións consecutivas con precipitacións por debaixo da media histórica e que levou a declarar en toda a conca a situación de prealerta por seca en xaneiro de 2017 e elevala a nivel de alerta a finais do ano pasado.