Os nenos do centro Colorincho de Gondomar plantarán un centenar de árbores en Vincios

Os pequenos do centro de ocio infantil Colorincho de Gondomar plantarán este sábado 7 de abril árbores autóctonas nos montes de Vincios. Tras os incendios do mes de outubro o centro sumouse á “Operación Landra”, que consistía en sementar unha árbore autóctona (castiñeiro, carballo…) e unha vez xerminara plantalo nunha zona devastada polo lume para a repoboación do mesmo.

Os nenos e nenas de Colorincho participaron con moita ilusión, vendo o espertar da natureza desde unha simple semente. O sábado plantarán un centenar de árbores autóctonas e desde o centro pareceulles unha boa idea facelo público e extensivo a todos os que estean interesados en colaborar, para iso só teñen que levar unha árbore autóctona, ir acompañados dun adulto e moverse polos seus medios propios.

A saída será desde o centro Colorincho en Gondomar (Ánimas nº 10 – Baixo) ás 10:30 da mañá, esperando que a actividade se prolongue unha hora aproximadamente.