A exposición “Construíndo novas miradas” do CPI Cova Terreña, no Museo do Mar de Vigo

A exposición “Construíndo novas miradas” está actualmente no Museo do Mar de Vigo, recoñecendo o seu valor didáctico e de concienciación medioambiental. Esta mostra foi realizada polo alumnado do CPI Cova Terreña de Baiona dentro do Proxecto Terra no curso 2016/2017. Consistiu na elaboración de animais mariños con materiais de refugallo recollidos nas praias da vila, nas saídas que fixeron aos areais de Os Frades e A Concheira.

As sete pezas volumétricas (corvo mariño, quenlla, congro, raia, peixe espada, camarón e sargo), que foron realizadas xunto coas profesoras Loreto Raya, de Xeografía e Historia, Natalia López, Bioloxía e Xeoloxía, e Cristina Rodríguez, Educación Plástica e Audiovisual, intentan comunicar sensacións e pensamentos e tamén concienciar sobre a contaminación por plástico, é dicir, a acumulación de produtos de plástico no medio ambiente da súa vila.

Un dos traballos, “Corvo Mariño”, elaborado polos alumnos Yago González, Susana Marcote, Alba Castro e Pablo Coutado, resultou gañador do 1º premio na categoría de 3º e 4º de ESO do concurso de ideas innovadoras “Oceans of Plastics” da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Trátase dun certame escolar organizado polo Campus do Mar, que ten como obxectivo aumentar o impacto e a concienciación sobre a problemática da presenza de plásticos e microplásticos no medio mariño.