O Val Miñor pedirá á Xunta o rescate da AG-57 e a supresión das peaxes

O Pleno da Mancomunidade do Val Miñor celebrado este mércores acordou por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia o rescate da Autoestrada AG-57 e a supresión da peaxe. A moción foi presentada por Pauliño del Río, concelleiro de Gondomar Concello Aberto.

Esta autoestrada comunica ao Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar) e dá servizo tamén aos concellos do Baixo Miño (O Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui e Oia) coa cidade de Vigo, a Universidade ou Porriño. Estamos a falar de máis de 100.000 habitantes que se poden facilmente duplicar en períodos estivais.

Desde a súa inauguración o 24 de maio de 1.999, vai para 17 anos, e en distintas etapas, practicamente todos os grupos políticos do Val Miñor xunto con diversos e múltiples colectivos veciñais, sociais e empresariais, pediron que este tramo da rede viaria quedara libre da peaxe.

“Xa toca e non cabe esperar. Esta Autoestrada AG-57 é de titularidade autonómica, da Xunta de Galicia. Suprimido a peaxe no tramo do Morrazo e máis recentemente o de Redondela (de titularidade estatal), debemos de novo incidir na supresión da peaxe da AG-57”, sinala Del Río.

CABE considera que está a ser infrautilizada e non cumpre coa súa función primordial que é a de ser a circunvalación dos tramos urbanos de Gondomar, Nigrán e Baiona. Así mesmo, están convencidos de que evitaría moitos dos atascos e accidentes que debido á densidade de tráfico no Val Miñor cara a Vigo e ao contrario prodúcense acotío.

Anuncios