Concerto de Dani Font e María Villanueva no Auditorio Lois Tobío de Gondomar

A Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, organiza este venres 6 de abril ás 19:00 horas un concerto de Dani Font e María Villanueva no Auditorio Lois Tobío dentro dos actos conmemorativos do 35 aniversario do Conservatorio Elemental de Música.

Dani Font é un novo guitarrista da vila de Gondomar e ex alumno do Conservatorio que na actualidade amplía os seus estudos de jazz en Holanda. María Villanueva, despois de acadar un máster en guitarra clásica en Suíza está a afondar na técnica vocal do jazz na cidade de Lisboa.

Os dous músicos coñecéronse na cidade lusa en 2015 e enténdense musicalmente dende o primeiro minuto do tema un que tocan xuntos. Impulsados polo consello da cantante Maria João funden as súas enerxías en procurar un son de dúo compacto e cheo de cores.

Partindo de universos totalmente alleos (jazz, bossa-nova, pop-rock, clásico…) o dúo recolle boleros, standars de jazz, e cancións menos coñecidas pero cheas de significado, arranxándoas para esta formación e á súa forma de facer música.

Por este e outro motivos é unha oportunidade importante de ver e escoitar a dúas das grandes promesas da música en Galicia. A entrada será libre ata completar aforo.

Anuncios