A Vig-Bay reunirá o domingo a máis de 5.000 corredores

FOTO: VIG-BAY // Saída da proba en Samil.

O Auditorio da Sede Central de ABANCA acolleu este martes a presentación do XIX Medio Maratón Gran Bahía Vig- Bay EDP. O acto estivo presidido polos Alcaldes de Vigo, Nigrán e Baiona, Abel Caballero, Juan González e Ángel Rodal respectivamente, así como o Xefe de Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Vigo, Daniel Benavides, o Delegado Territorial de Abanca, Jorge Martínez, e o Responsable de EDP en Galicia, Andrés Fernández.

A proba, con máis de 5.000 inscritos, dos que case 900 son mulleres, partirá o vindeiro domingo 8 de abril desde a Avenida de Samil ás 10:15 para os participantes con diversidade funcional e quince minutos máis tarde, ás 10:30 horas, para o resto dos corredores, co obxectivo de completar os 21.097 metros entre Vigo e a meta situada na Rúa Elduayen de Baiona, un percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).

Entre os favoritos para facerse coa vitoria da carreira, que inaugura ademais o circuíto Run Run Vigo 2018, están Nuno Costa, gañador da pasada edición, Daniel Bargiela ou o nigranés Iván Roade.

Os dorsais poderán recollerse no Museo Verbum de Samil, o día 6 de abril desde as 16:00 ata as 20:00 horas, o día 7 de abril desde as 10:00 ata as 19:00 e o día 8 de abril entre as 8:30 e as 9:30 horas; aconséllase encarecidamente a todos os participantes que retiren o seu dorsal coa maior anticipación posible.

Percorrido

A saída sitúase na Avenida de Samil, á beira da praia do mesmo nome, sendo o primeiro quilómetro totalmente chairo e adecuado para coller ritmo de carreira. Unha vez finalizado este tramo, e coincidindo co límite da praia de Samil, empeza un intervalo de pequenos tobogáns de 2 quilómetros ata chegar ao final do porto de Canido, despois de pasar por Alcabre e O Vao.

Aquí empeza unha das dúas partes duras da carreira: a subida de Canido á Estrada Provincial e a subida pola mesma; non resultan moi empinadas, pero si longas, e só ofrecen un pequeno momento de respiro para seguir progresando ata o quilómetro 6 no cruzamento de Mide. A partir deste punto, o perfil da carreira tranquilízase e ofrécenos tramos de baixada suave combinados con tramos chairos, o cal favorece un ritmo de competición cómodo para o atleta.

Ao chegar a Nigrán a carreira descende cara a Praia América pola Avenida Castelao, virando cara á dereita ao final da mesma ata chegar á altura do pavillón de deportes. Unha vez rodeado este, o percorrido retoma de novo a dirección cara a Baiona, e paralelamente á praia alcanza o quilómetro 15 aos pés de Monte Lourido. Este é para moitos o tramo máis duro da carreira: unha pequena península de 1,5 Km que se bordea 360º para saír algo máis adiante do punto polo que se entrou, despois de deixar atrás un rosario de repechos e unha baixada final bastante empinada.

Unha vez superada esta dificultade, o quilómetro 18 déixanos na Ramallosa, onde se enfila a rúa Torrente Ballester para virar á dereita xusto ao final da mesma e afrontar os 3 últimos quilómetros da carreira, nun tramo totalmente chairo que nos leva ata a liña de meta na rúa Elduayen de Baiona.

2018-04-04 - 29744752_127267778118002_5083893365728066967_o