Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil investiga a un condutor que acudiu ao cuartel de Baiona sen carné e nun coche sen seguro

FOTO: GARDA CIVIL // Danos producidos no bolardo do Cuartel de Baiona.

A Garda Civil investiga penalmente, por un delito contra a seguridade viaria, a un veciño do Rosal que se presentou no cuartel de Baiona conducindo un vehículo, a pesar de que tiña retirado o permiso de condución por perda de vixencia.

Os feitos ocorreron a pasada semana cando este condutor, de 47 anos, veciño do municipio do Rosal, chega ao cuartel da Garda Civil de Baiona, para solicitar unha determinada información sobre unha denuncia e ao estacionar o vehículo que conducía impacta contra un dos bolardos que delimitaban a zona de aparcadoiro.

Unha vez atendida a consulta e cando xa abandonaba a oficina de atención ao cidadán sen comunicar a incidencia que tivera no estacionamento, requiríuselle a documentación do vehículo para a posible reclamación dos danos ocasionados e púidose comprobar que tiña retirado o permiso de condución por perda de vixencia e, ademais, carecía da correspondente póliza do seguro obrigatorio de responsabilidade civil.

En consecuencia, notificóuselle ao condutor do vehículo a súa condición de investigado como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria, por conducir sen permiso, e formulóuselle unha denuncia administrativa por infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, ao circular co vehículo carecendo do seguro obrigatorio.

Anuncios