Anuncios
Ticker de novas

“Encamíñate con Castro e Ladeira”, o novo proxecto da Asociación de Veciños de Sabarís

A Asociación de Veciños “Castro e Ladeira” de Sabarís lanza un novo proxecto de cara ao vindeiro mes. Ademais de “Non te quedes só”, exclusivo para persoas da terceira idade, que foi presentado polo colectivo hai uns días, nace agora “Encamíñate con Castro e Ladeira”. “Os obxectivos desta actividade son moi claros”, afirma Martín Otero, presidente do colectivo, “non só queremos promover o deporte mediante as andainas, tamén queremos potenciar e promover a parroquia, sen esquecernos da convivencia entre veciños, algo que se está a perder”.

A actividade non terá límite de idade, “adaptarémonos sempre á xente interesada” e dará comezo o derradeiro fin de semana do mes de abril, prolongándose todos os sábados ás 17:00 horas. Todas aquelas persoas interesadas pódense poñer en contacto con calquera membro da asociación ou ben, pasar polo local da mesma, localizado no antigo edificio dos mestres de Sabarís. “Pódense anotar socios, non socios, veciños, foráneos, é unha actividade moi aberta, queremos que a xente pase un bo rato mentres camiña e coñece a parroquia e arredores”, conclúe Martín.

Anuncios