Nigrán inviste 51.000 € na rehabilitación da escola O Torreiro de Priegue e a súa contorna

O Concello de Nigrán inviste 51.064,42 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra na recuperación da antiga escola infantil O Torreiro de Priegue e toda a súa contorna. As obras, que comezarán o luns 2 de abril e teñen un prazo de execución de dous meses, permitirán crear novas zonas de xogo como unha pista multideportes e mellorar as existentes, así como realizar unha nova división interior da antiga escola actualmente pechada, que será cedida ás entidades da parroquia para o seu uso.

Así, o proxecto expón crear unha zona de parque infantil con chan acolchado delimitado cunha valla para que resulte un recinto seguro para os nenos onde se distribúan elementos de xogo (recuperaranse os que estean en boas condicións) e mobiliario urbano como bancos (3), papeleiras, e unha fonte. Tres camelias xapónicas con alcorque delimitarán a zona sur. Por outra banda, no lado oeste reporase o formigón e disporase dunha nova pista multideportes mantendo as pistas de petanca actuais (nun recinto pechado de madeira de pino silvestre cunha altura de 40 cm), así como máis bancos e papeleiras.

O peche de malla tamén será renovado e toda a parcela será dotada de iluminación. Así, a principal novidade nesta reforma da contorna será a incorporación dunha pista multideportes de 7×12 metros para fútbol, baloncesto e balonmán nunha superficie de formigón pulido con peche perimetral de madeira de 1 metro de altura nos laterais e tres nos fondos.

Na antiga escola, pechada dende hai anos e que será cedida ás entidades veciñais, realizarase unha redistribución para facer dúas novas estancias, unha para oficina e outra para aseo adaptado, ademais de manter unha zona para espazos comúns. Por outra banda, dotaráselle de nova instalación eléctrica e de fontanería, novos solados e alicatados e completo pintado. Finalmente, á rampla de acceso contará con varanda de aceiro inoxidable e rectificarase a súa pendente para que resulte accesible.

“Con este proxecto damos resposta a unha demanda veciñal moi importante. Queremos poñer en valor esta lugar para que sexa un verdadeiro punto de encontro da parroquia no que nenos e maiores se sintan a gusto e nun espazo seguro”, sinala o alcalde, Juan González.

O Concello de Nigrán vén de sacar a licitación por 113.253 € euros a creación dun recinto infantil e deportivo na contorna da rúa Ana Isabel Costas, ao lado do campo de fútbol municipal de Vilariño, e a vindeira semana emprenderá as obras para habilitar o novo parque Xosé Vázquez Grela por 50.000 €, todos eles ao cargo do Plan Concellos 2016. Ademais, investiu recentemente un total de 56.051 € na renovación dos parques infantís da Alameda de A Ramallosa, Gaifar (Panxón, fronte ao pavillón) e Centro Cultural “A Camoesa” (Camos), anteriormente realizou un novo parque na Ramallosa e en San Roque (Camos). «Queremos un Nigrán onde nenos e maiores poidan gozar en cadansúa parroquia de espazos de esparexemento e convivencia», finaliza o rexedor.

Anuncios