Anuncios
Ticker de novas

Trasladada unha menor tras inhalar fume dun incendio declarado na súa vivenda de Sabarís

Segundo informa o 112, os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a unha menor afectada polo fume dun incendio orixinado no interior da súa vivenda en Baiona.

Sucedeu ás 09:00 horas de hoxe nun edificio de tres plantas situado na Avenida de Sabarís, onde un lume iniciado no salón da vivenda acabou calcinando a estancia e a práctica totalidade do seu mobiliario.

O incendio provocou unha intensa fumareda que afectou a unha menor duns oito anos que se atopaba, xunto coa súa familia, no domicilio, que abandonaron en canto se decataron do lume.

Así, tras unha chamada de alerta ao 112 Galicia, activouse un operativo no que interviñeron os membros do GES do Val Miñor e os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Baixo Miño.

Segundo explicaron, o lume quedou confinado no salón afectado, aínda que o fume estendeuse ao resto da vivenda. Foron precisamente os gases provocados pola combustión, os que afectaron á cativa, que foi evacuada nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Centro de Saúde do Val Miñor.

Anuncios