A Xunta retomará a construción do Centro de Saúde de Gondomar tras a Semana Santa

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou este martes en declaracións a Cadena Ser que as obras do Centro de Saúde de Gondomar retomaranse tras a Semana Santa. A pesar de que a súa construción volveuse a licitar o pasado mes de setembro cun orzamento de 2.355.755,70 de euros, os traballos estaban paralizados porque se trata dunha zona con risco de inundacións, polo que é necesario obter un informe previo e preceptivo de Augas de Galicia, que xa se emitiu e é favorable.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega, atenderá unha poboación de 10.600 persoas e vai contar con seis consultas de medicina xeral e seis de enfermería. Ademais haberá unha consulta de matronas e outra sala de educación maternal, unha sala de toma de mostras, outra de espera, unha sala de técnicas e dous polivalentes.

A área de pediatría contará cunha consulta, unha sala de espera propia, unha consulta de enfermería pediátrica e un aseo. Finalmente, nas zonas de administración e outros usos construiranse unha área de admisión, un arquivo de historias clínicas, dous almacéns, unha sala de caldeiras, outra de estar para o persoal e aseos, tanto públicos como para o persoal. Ademais haberá unha sala de xuntas e biblioteca.