A DXT estreou o pasado luns a súa nova campaña para a Semana Santa baixo o lema “Reenamórate do teu coche”, na que abandona o seu ton máis dramático para, cunha tinguidura de humor, concienciar sobre a importancia de coidar o vehículo porque el, á súa vez, coida de ti.
“Cando o teu coche é novo estás moi pendente del. Verdade? Deixas que os plásticos se caian sós, non permites que coman dentro, o limpas cada día, vas ao taller con regularidade… Mantén este espírito sempre. Esta #SemanaSanta2018 #RevisaTuCoche con agarimo, pódeche salvar a vida”.
A escena final do anuncio foi gravada o 28 de agosto de 2017 en Praia América, sendo a única rodada en Galicia, e nela podemos ver a unha nova vestida de branco que corre emocionada pola beira para abrazar un todoterreo vermello.
A produtora madrileña Micropixel trasladou a 30 profesionais para a rodaxe, e sinalaron entre os principais motivos para desprazarse a Nigrán as facilidades dadas desde o Concello e que a praia cumpría cos requisitos que estaban a buscar: “É marabillosa, de area branca e moi ampla, perfecta para o que queriamos. Ademais, non é un lugar masificado, polo que a rodaxe é moito máis sinxela do que podería ser en Levante”, sinalaba o xefe de produción.
A gravación levouse a cabo durante toda a mañá (de 6:00 a 13:30 horas) e coincidindo en luns por ser un día de menos afluencia de bañistas. Así, reserváronse para este traballo 200 metros de areal á altura da Escola de Vela, colaborando en todo momento Protección Civil e Policía Local de Nigrán.

