O Sporting Guardés, campión do VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona na categoría chupetes

FOTO: ERIZANA // Sporting Guardés.

Os pequenos do Sporting Guardés proclamáronse campións do VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona na categoría chupetes, na que foi a primeira xornada do campionato, celebrada este luns no campo de fútbol do Aral coa participación de 7 equipos, que disputaron un total de 16 partidos. O Vila do Corpus foi o subcampión, mentres que o terceiro e cuarto posto ocupárono o Val Miñor e o Vila de Marín respectivamente.

Pola tarde, celebrouse o II Torneo Integra no campo de fútbol de Val de Martín, no que participaron catro equipos: Juan María, San Rafael e Celta Integra A e B. Trátase dun torneo de exhibición no que todos os participantes recibiron a súa medalla.

O VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congrega nesta edición a preto de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 73 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dunha trintena de clubs comparten deporte, experiencias e aprendizaxe.

O VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona continuará ata o xoves coas categorías alevín, benxamín e prebenxamín.

Anuncios