Nigrán Decide: “O alcalde manifestou a conformidade para realizar a regularización catastral”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Grupo Municipal de Nigrán Decide nunha sesión plenaria.

Nigrán Decide, a través de Yolanda Díaz, deputada no Congreso, preguntou pola data en que o Concello de Nigrán mostrara o seu interese en que se fixese a regularización en Nigrán. O goberno, en resposta á deputada de En Marea sinala que “o escrito do Concello de Nigrán, Pontevedra, manifestando a súa conformidade co inicio do procedemento de regularización é de 26 de outubro de 2015”.

“As únicas institucións con competencias na xestión do IBI son o ORAL e o Concello, nas cales o Alcalde de Nigrán ten responsabilidades, polo que o alcalde non pode poñerse de perfil ante o cobro do IBI ás persoas afectadas pola regularización”, indica Cuevas.

A Xestión do IBI é competencia do Concello e está delegada no ORAL, polo que a Xerencia territorial do Catastro non pode iniciar o cobro dese imposto, tal como indicou o Alcalde de Nigrán.

“O goberno municipal coñece este problema desde hai días, e non tomou ningunha iniciativa para solucionalo até que o grupo municipal de Nigrán Decide denunciou a situación. Despois deste silencio, agora o goberno asume como súas as nosas propostas para facilitar o pago desta débeda”. Sen embargo, para José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, parece que o alcalde está un pouco desorientado, pois afirma nuns medios que se vai dirixir á delegación de economía e facenda para solicitarlle posibilitar do aprazamento dos pagos, cando non é competente para iso e noutros medios afirma que se dirixirá ao Alcalde de Cangas para coñecer as xestións feitas por ese concello ante o mesmo problema.

Nigrán Decide xa lle adianta ao Alcalde que o Concello de Cangas fixo as xestións no ORAL e non no Ministerio de Economía e Facenda, tal como pretende. “A competencia para o aprazamento só pode ser do ORAL ou do Concello, institucións ambas onde o alcalde ten responsabilidades. O Alcalde ten que centrarse, asumir responsabilidades e deixar de botar balóns fóra con medias verdades”, finaliza Cuevas.

Anuncios