Sin categoría

A Deputación destina preto de medio millón de euros ás axudas básicas de emerxencia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este luns as bases das axudas básicas de emerxencia para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que terán un orzamento de 465.000 €, dos que 365.000 € serán investidos en axudas ao gasto corrente e, os 100.000 € restantes, para investimento.

As axudas básicas de emerxencia, que os veciños e veciñas da provincia poden solicitar a través dos servizos sociais dos seus concellos, teñen a finalidade de dar apoio económico para poder atender ás necesidades urxentes e puntuais dos e das cidadáns que se atopen en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.

As persoas beneficiarias destas axudas poderán empregalas para alimentación, uso de vivenda (pagamento de alugueiro ou hipoteca, axudas para acondicionar a habitabilidade da vivenda), pagamento de recibos (luz, auga, gas ou gasóleo), pagamento de produtos de hixiene e limpeza (lixivia, deterxente, xabón, desodorizante, hixiene feminina), pagamento de produtos farmacéuticos (prescritos por persoal facultativo), adquisición de electrodomésticos básicos (lavadora, quentador, cociña, frigorífico, deshumidificador…), pagamento de desprazamentos para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades, pagamento de lentes e audífonos e axudas de apoio á infancia.

Desta maneira ofértanse recursos públicos rápidos e eficaces as traballadoras e traballadores sociais dos concellos, de maneira que as persoas usuarias en situación de especial vulnerabilidade poidan ter a súa disposición as ferramentas necesarias para evitar a marxinalidade e diminuír as situacións de exclusión social. No ano 2017 foron tamén esenciais para dar apoio aos concellos que sufriron os incendios forestais, xa que púidose facer fronte aos gastos de aloxamento e manutención de familias afectadas polos incendios de maneira, áxil e eficaz.

Estas axudas, durante o ano 2017 deron cobertura ás necesidades básicas de 1.820 familias, das que 1.573 tiñan menores ao seu cargo, 1.114 tiñan ambos proxenitores en situación de desemprego, 320 eran familias monoparentais, 43 eran usuarias do Servizo de educación e apoio familiar , 45 eran persoas usuarias do servizo de axuda no fogar e 9 persoas eran vítimas de violencia doméstica.