Anuncios
Ticker de novas

Un dispositivo especial de seguridade vixiará o Camiño de Santiago en Semana Santa

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentou esta mañá o dispositivo especial destinado a reforzar a seguridade no Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia durante a Semana Santa.

O delegado do Goberno destacou a importancia deste dispositivo, xa que nestas datas espérase que aumente o número de peregrinos, tanto a pé como en bicicleta ou outros medios de transporte. A prioridade, sinalou, é garantir o benestar das persoas que percorren o Camiño e prestar auxilio ou resolver incidencias nos casos en que sexa necesario.

O dispositivo estará composto por motoristas da agrupación da Garda Civil de Tráfico e do SEPRONA, así como por cabalos do Escuadrón de Cabalería e axentes da Garda Civil de Seguridade Cidadá.

Neste sentido, no acto de presentación realizado esta mañá no Santuario de Santa María A Real (Pedrafita do Cebreiro) deuse a coñecer unha representación de todos estes medios, no que se contou coa presenza de 5 cabalos do Escuadrón, 2 motos da agrupación de Tráfico da Garda Civil e outras 2 do SEPRONA.

Xunto ao delegado do Goberno asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o coronel xefe da comandancia de Lugo, Miguel Ángel González e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; ademais de representantes da Xunta de Galicia e dos alcaldes dos concellos lucenses polos que discorre o Camiño.

PLAN DE SEGURIDADE XACOBEA 2018

Neste sentido, a través do Plan de Seguridade Xacobea 2018 reforzarase a presenza das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ao longo das rutas, especialmente nos puntos máis vulnerables para a seguridade como son os cruces con rúas e estradas importantes, albergues e lugares de acollida e concentración de peregrinos. Igualmente, establecéronse servizos para previr e investigar a loita contra a delincuencia nos distintos itinerarios e instalacións do Camiño.

O Plan inclúe as distintas rutas que compoñen o Camiño de Santiago: o do Norte, o Primitivo, o Francés, o Portugués e o Inglés. O ano pasado contabilizáronse nelas máis de 300.000 peregrinos, a maior cifra rexistrada ata o momento e que supera á do ano Xacobeo 2010. Todos eles foron atendidos por máis de mil axentes da Garda Civil correspondentes a 73 postos.

Segundo explicou o delegado do Goberno, “hai que destacar a seguridade no Camiño”, así queda reflectido nos datos rexistrados en 2017, ano no que as infraccións penais foron 27, o que supón unha redución do 40% en relación ao ano anterior.

FASES DE REFORZO

O Plan establece dúas fases nas que se intensifican os servizos de seguridade e atención cidadá en todos os itinerarios que compoñen o Camiño de Santiago. A primeira fase comprende toda a Semana Santa e as semanas anterior e posterior, mentres que a segunda realizarase desde o 15 de xuño ao 15 de setembro.

A Delegación do Goberno en Galicia é a responsable do reforzo da presenza das Forzas e Corpos de Seguridade ao longo das distintas rutas en beneficio tanto das persoas que as percorren como dos bens do Patrimonio Histórico e Cultural. Ademais, establece os servizos de prevención e investigación para a loita contra a delincuencia e elabora un Plan de Intelixencia que permite detectar calquera acción que poida perturbar o normal desenvolvemento da peregrinaxe.

COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS

Nos labores de seguridade participa activamente a Policía Autonómica, que desprega durante todo o ano patrullas nos distintos camiños de Santiago, reforzando o máis transitado de todos, o Camiño Francés. Este labor intensifícase considerablemente en anos xacobeos, nos que se incrementa a presenza de visitantes. O seu labor de vixilancia fará especial fincapé, en colaboración con Patrimonio, no control de negocios ilegais.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións para sumar medios no obxectivo conxunto de garantir a seguridade dos peregrinos, especialmente nos puntos máis vulnerables. Como lembrou, desde a Delegación do Goberno e a Xunta de Galicia trabállase por esta seguridade de maneira permanente, con accións paralelas en distintos ámbitos.

Así se está facendo a través do Plan director do Camiño de Santiago, o documento co que desde 2015 o Goberno autonómico responde as necesidades actuais da ruta e dos peregrinos, que cada ano son máis e chegan dun maior número de países, e que en 2017 chegaron a 179 nacionalidades distintas. No que vai de ano 2018 a cifra global supera os 8.900 peregrinos, chegados de ata 89 países.

O Plan Director do Camiño de Santiago inclúe diversas actuacións de sinalización e acondicionamento dos diferentes trazados e contén numerosas medidas relacionadas coa seguridade viaria. Debido á importancia que teñen estes aspectos na xestión do Camiño de Santiago, no ámbito da Comisión da Seguridade Viaria dos Camiños na que participa a Administración autonómica trasladouse ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a conveniencia de poder incluír ao Ministerio de Interior no Consello Xacobeo.

A isto únese o apoio do Goberno galego a campañas como Peregrina seguro realizada conxuntamente pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e a Asociación Stop Accidentes e que conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Anuncios