Iván Roade e Ester Navarrete gañan a III Carreira Nocturna PlazaH2K de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Iván Roade cruzando a liña de meta.

Iván Roade Lago e Ester Navarrete Santana proclamáronse campións absolutos da III Carreira Nocturna PlazaH2K, evento organizado entre o Concello de Nigrán e as empresas ximnasio Plaza Fitness e H2K Seguros, e que por primeira vez variou o seu percorrido habitual e disputouse na contorna de Praia América. Con preto de 400 corredores, o evento comezou ás 18:30 horas cunha clase gratuíta de zumba. Ás 19:30 foi saída das categorías inferiores e ás 20:30 horas a carreira absoluta, na que se estableceron dous percorridos de 5 e 10 quilómetros respectivamente.

Ademais, o Concello de Nigrán puxo a disposición de catro usuarios do Centro Juan María o seu equipamento deportivo adaptado para que puidesen participar na proba. Así, foron os alcaldes de Nigrán e Baiona, Juan González e Ángel Rodal, acompañados polo concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, e o Policía Local Fernando Molar, quen manexou os vehículos adquiridos polo goberno local o ano pasado.

Roade, do Bikila, que acudía como un dos favoritos para lograr a vitoria, completou os 10 quilómetros de percorrido en 32:04. O nigranés gañou hai poucos días a VII Media Maratón de Salamanca, e no que vai de ano fíxose coa XIII edición da Subida ao Castro, proclamándose ademais campión do circuíto Run Run Vigo, e a IV Carreira do Entroido de Vigo. Agora prepárase para a Vig- Bay, que se celebrará o vindeiro domingo 8 de abril.

Máis dun minuto despois cruzou a meta Akka Essaadaoui (33:14), en segunda posición, e pechando o podio, Rubén Pereira Cardala (32:24), terceiro. En categoría feminina, a primeira atleta en cruzar a meta foi Ester Navarrete Santana, que completou o percorrido en 37:45. Patricia Feijóo Regueiro (41:41) foi segunda, e Elisabeth Cayeux Pichon terceira.

Como primeiros atletas locais recibiron o premio Jose Luís Louzao Tato (36:10), Roberto Garrido Pereira (36:12) e Tito Vázquez Varela (37:49), primeiro, segundo e terceiro respectivamente. María Raquel Alonso Fernández (52:54) foi a primeira corredora de Nigrán en cruzar a meta e Cristina Navós Abalde (1:04:36) a segunda.

O vencedor da carreira de 5 quilómetros foi Javier Lafuente Rois (18:05), seguido de Xose Cabado Castro (19:30), segundo, e Adrián Rodríguez Areal (20:48), terceiro. En categoría feminina a vitoria foi para Cinthia Costas González (21:23). Andrea Pérez Fernández (24:58) ocupou o segundo caixón do podio e Marián Rodríguez Pereira (25:35) o terceiro.

Este ano, ademais, a Carreira Nocturna PlazaH2K divulgou a “Síndrome de Usher”, considerada enfermidade rara. Daniela Juste, natural de Nigrán e afectada por esta doenza, foi premiada pola súa participación nas categorías inferiores.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.