
Este próximo martes 21 de marzo, con motivo da celebración do Día da Poesía, o alumnado de 4º de ESO do IES Auga da Laxe sairá polas rúas de Gondomar para ler e regalar poemas aos veciños e veciñas. Os rapaces e rapazas do instituto percorrerán diferentes espazos públicos da vila para “asaltar” ás persoas e compartir con elas poemas de diferentes autoras e autores galegos, co obxectivo de achegar a poesía á xente.
Esta iniciativa forma parte do programa de actividades que organiza o instituto con motivo do Día da Poesía. O alumnado de 1º e 3º de ESO realizará tamén asaltos poéticos ao longo da mañá polas aulas e os diferentes espazos do centro e un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato convidará a petiscos de poesía e chocolate durante o recreo. Por último, o patio central do instituto acollerá unha exposición de poemas e de libros de poesía da biblioteca do centro e integraranse tamén diferentes poemas nos murais que están a realizarse estes días no instituto sobre Picasso e sobre o Camiño de Santiago.