Investigan a unha traballadora do servizo doméstico en Nigrán por un furto de 4.000 euros

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Garda Civil investigou penalmente a unha veciña de Nigrán de 41 anos, empregada do servizo doméstico, polo suposto furto de 4.000 euros na vivenda onde traballaba.

Os feitos foron investigados por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán por mor da denuncia presentada pola dona da vivenda na Comisaría da Policía Nacional de Vigo.

No relato da denuncia a propietaria da vivenda refire que durante o tempo que estivera hospitalizada en Vigo, subtraéranlle do interior do seu domicilio, en Nigrán, un sobre con 4.000 euros que gardaba dentro dun armario.

Tendo en conta de que no inmoble non se observou ningún sinal de violencia física nin desorde no seu interior, evidenciábase a hipótese de que o autor ou autores dispoñían dunha chave, que podería ser a que lle subtraeron á dona, do interior do seu bolso mentres estivo hospitalizada.

Por mor das investigacións realizadas, orientadas fundamentalmente sobre as persoas que visitaran á dona da casa cando estivo ingresada no centro médico, a Garda Civil identificou á empregada do servizo doméstico como suposta autora do furto.

Ao ser citada esta persoa, que días atrás compadecérase e lamentado ostensiblemente coa dona da casa pola perda do diñeiro, fixo entrega voluntaria á Garda Civil dun sobre con 3.800 euros, alegando que llos entregou a propietaria do inmoble no hospital, para que llos fixese chegar a unha determinada persoa.

As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer esta persoa cando sexa citada, en calidade de investigada como presunta autora dun delito de furto.

Anuncios