Sin categoría

Nigrán Decide: “O goberno municipal xa non ten credibilidade en materia de urbanismo”

O goberno de Nigrán non sacou adiante a súa proposta de aprobación inicial de modificación das normas subsidiarias ao non acadar a maioría absoluta necesaria para a súa aprobación.

Nigrán Decide votou en contra de dita modificación por non considerala de interese social e por considerar que non ten os requisitos legais mínimos para poder aprobarse definitivamente, tal como expuxera no pleno do pasado mes de febreiro. Naquel pleno a proposta do goberno quedou sobre a mesa, ao ser o grupo municipal de Nigrán Decide o único en decatarse que no expediente de case 600 páxinas o goberno ocultara un informe do secretario do Concello que non era favorable, a pesar do afirmado polo goberno.

Nese informe indícase claramente que “No relativo ás normas de urbanización e ao sistema viario, dado que o seu deseño corresponde ao planeamento, entendo que non procede derivar á fase de execución (por exemplo á resolución pola que se sinalan os aliñamentos) o establecemento de determinacións que corresponden ao ámbito normativo”, o cal corrobora o exposto no pleno do pasado mes de febreiro polo voceiro de Nigrán Decide.

A modificación proposta polo goberno só tivo os votos favorables do grupo do PSOE e de UCN, absténdose o grupo Popular e o BNG

“Parece evidente que o traballo serio e rigoroso do grupo municipal de Nigrán Decide, afastado das demagoxias e as medias verdades, dá o seu froito”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “con ese traballo conseguiu cambiar o sentido do voto do Partido Popular, impedindo que en Nigrán se fixese o que posiblemente ía ser unha cacicada. O goberno municipal xa non ten credibilidade en materia de urbanismo, pola súa falta de transparencia nesta materia, ao ocultar o informe do secretario no pleno pasado”, finaliza Cuevas.

A proposta de orzamentos do goberno quedou sobre a mesa

Durante o pleno celebrado este xoves, os grupos municipais Popular, de UCN e de Nigrán Decide acordaron deixar sobre a mesa o debate dos orzamentos por non realizarse os trámites recollidos no regulamento de participación cidadá.

Dito regulamento foi aprobado por unanimidade no pleno de maio de 2016, a iniciativa de Nigrán Decide, e foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o 18 de agosto de 2016. Nel establécese a creación dun Consello Xeral de Participación Cidadá, entre cuxas funcións estaba a de ser consultado polo Concello en asuntos de transcendencia para o municipio, especificándose que entre estes asuntos está o orzamento.

Para a creación efectiva de dito Consello establecíase que, no prazo máximo de tres meses desde a aprobación definitiva do regulamento, o Alcalde invitaría a todas as asociacións veciñais inscritas no Rexistro a participar nel. Case dous anos máis tarde non consta que o alcalde fixese nada para a constitución efectiva de dito Consello.

“O goberno apoiou este regulamento para mostrar un perfil participativo e transparente, como fixo coa Comisión de Suxestións ou as mocións presentadas polo noso grupo relativas á transparencia”, indica José Cuevas, “para despois baleiralas de contido, como se pode ver no “portal de transparencia” do concello que está medio baleiro. A Comisión de Suxestións e reclamacións non se volveu convocar desde que a súa presidencia foi asumida polo Alcalde”, finaliza Cuevas.