Anuncios
Ticker de novas

Valmiemprega achega os segredos de Gondomar a 170 rapaces do CEP Neira Vilas de Peitieros

O Obradoiro Valmiemprega realizou una ruta guiada arredor da Vila de Gondomar co alumnado do C.E.P. Neira Vilas de Peitieiros, cun total de 170 rapaces. A ruta percorreu recantos emblemáticos de Gondomar, e pouco coñecidos como o Acueduto do Bravo, o lavadeiro e Ponte de Rosas ás beiras do río Zamáns.

Continuou o itinerario pola zona da igrexa de San Bieito e o fermoso recanto onde se atopa a fonte e lavadoiro coñecidos como de San Bieito. Realizouse una parada na Praza de Paradela onde se lles comentou aspectos da Casa do Concello e da escultura recentemente inaugurada dedicada ás persoas que loitaron contra os lumes na zona.

Proseguiron ruta polas beiras do Río Miñor para coñecer a Ponte de Ánimas e o antigo Camiño Real que por alí pasaba. Achegáronse, tamén, ata a escultura de Alfonso Soliño que representa a Galiña Azul, inspirada na obra de Carlos Casares.

O obxectivo foi achegar aos escolares os segredos que garda a vila para que aprendan a valorar o seu patrimonio e o seu territorio.

Anuncios