Presentación en Gondomar do libro “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”

Mañá sábado 24 de marzo, ás oito da tarde, celebrarase no Centro Neural de Gondomar o acto de presentación e debate do libro “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”, editado pola Fundación Galiza Sempre. Organizado pola Asociación Cultural Centáurea, intervirán Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo, autores da obra, acompañados de Ana Miranda, vicepresidenta da Fundación Galiza Sempre, editora do libro.

Trátase dun traballo que pretende documentar e explicar os feitos en torno a un edificio altamente simbólico, probablemente unha das imaxes máis representativas do franquismo e da súa pervivencia. Nel revélase a historia das Torres de Meirás, de como a súa propiedade foi transferida a Franco e de como este edificio chegou ás súas mans.

O que queda acreditado nas páxinas deste libro é que a subscrición popular pola cal se adquiriu o pazo, estivo encadrada nun contexto represivo e levouse adiante mediante coaccións que impiden falar de voluntariedade. A visión socialmente estendida deste espolio foi a da doazón, versión transmitida polo propio réxime e os medios ao seu servizo.