O Concello de Nigrán súmase por terceiro ano consecutivo á campaña «A Hora do Planeta» apagando as luces da contorna do consistorio, nun xesto solidario para a conservación do medio ambiente. A iniciativa, convocada polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF) para este sábado dende as 20:30 ás 21:30 horas, é moito máis que apagar a luz durante unha hora, é un gran movemento global para enfrontar un problema global: o cambio climático. Unha campaña multitudinaria que empezou no 2007 en Sidney, impulsada por WWF, como un xesto simbólico.
O municipio de Nigrán xa figura na páxina web da Hora do Planeta como partícipe da iniciativa á que se sumaron 400 concellos, cinco deles da provincia de Pontevedra (Vigo, Pontevedra, Marín, A Guarda e Nigrán) e a Deputación de Pontevedra.
«Este xesto simbólico vai máis alá do apagado de luces, o que busca WWF e nós uníndonos a este tipo de propostas é focalizar a atención da cidadanía no medio ambiente e promover outro tipo de accións ao longo do ano encamiñadas a favorecer a protección da natureza e o aforro enerxético», aclara o alcalde de Nigrán, Juan González.

